Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Bernardo Martínez

"A música para teatro ten que ser música para un instante"

Por libre toca free-jazz, por encargo compón para teatro. Súa é a música de 'Glass City', a última obra de Teatro do Noroeste.

Moisés Álvarez - 13:45 13/10/2009

Bernardo Martínez aplica a máxima daquel personaxe de El viaje a ninguna parte de Fernando Fernán Gómez, que aconsellaba aos extras de cine que non se lles vise a cara en pantalla para que os chamasen para máis películas. Tampouco a el lle gusta saír nas fotos, para seguir desde o case anonimato traballando en múltiples proxectos. Do grupo Doa, do que foi fundador e co que prepara un novo disco que agarda que pronto vexa a luz, á poesía e música improvisada do Trío Ouriol. E no medio, encargos musicais de todo tipo, moitos deles para teatro.

A súa relación coa música para a escena naceu en 1985, cando o cuarteto de saxofón no que tocaba foi chamado para poñer música a A larva furiosa, de Manuel Lourenzo. Desde entón xa non deixou de compoñer para o teatro, primeiro asinando como Estudios Primarios e logo co seu nome. Sen moito ruído, fíxose ao longo destes anos con catro premios María Casares á mellor música orixinal: Como en Irlanda (1997), Si o vello Sinbad volvese ás illas (2000) e O ano do cometa (2005), as tres co CDG, e Imperial: Café Cantante, a produción de Teatro do Noroeste que dirixiu Eduardo Alonso.

Co mesmo director e compañía presenta estes días Glass City, ambientada na Coruña de 1958, nunha das visitas estivais de Franco ao pazo de Meirás. Un musical que acada as dimensións dunha superprodución, para os estándares do teatro galego, con 14 actores no escenario, que actúan, cantan, bailan e tocan. Logo de estrearse en Ferrol, pódese ver agora en Santiago, e a partir da semana que vén seguirá xirando por Galiza.


"Onde estás meu amor", Glass City

Que condicionantes implica compoñer para teatro?
Sobre todo meterte no traballo dun equipo. Tes que falar moito co director, entender o que pasa na obra, tanto teatralmente como musicalmente.

Para o teatro compuxo pezas dunha morea de xéneros musicais que é posíbel que doutra maneira non tocase.
Si, compuxen de todo. E encántame. Aproveito cada obra para a que me chaman para investigar. Para facer a música de Glass City, escoitei centos de temas dos anos 50.

Pasado o tempo, supoño que non volve escoitar esas pezas de obras que xa non se representan. Que visión ten deses traballos perdida a vinculación coa escena?
Non penso niso. O teatro é un instante, e a música para teatro ten que ser música para un instante. A música perfecta de teatro é a que se fai en directo.

A última obra para a que compuxo é Glass City:, case unha superprodución. Cre que é posible o éxito do musical como xénero en Galiza ou só pode ter unha presenza esporádica?
Está claro que se un espectáculo funciona, hai público para velo. Noite de Reis tivo un grande éxito, e tamén tiña moita xente en escena, aínda que se estás traballando no CDG tes un orzamento co que non hai risco. Para atreverte a facerte un espectáculo como o que fixo Eduardo Alonso cunha compañía privada hai que ter moita valentía. Máis agora que hai unha ameaza de corte, cando xa a cultura levaba poucos cartos. Que a xente faga cousas non é importante, o importante é que haxa grandes edificios. Agora dise “coidado, que estamos en crise e non podemos gastar”, como se se gastara moitísimo en cultura.

En Imperial: Café Cantante soaban fados, swing e charlestón no Vigo de 1936. En Glass City, pasodobles, boleros e unha pinga de rock'n'roll na Coruña de 1958. En que medida a música marca o espírito de cada un deses momentos?
Mais ben é ao revés. O guión marca a música. Hai unha escena de Glass City na que canta un comandante, e non vai cantar unha de Elvis Pressley, senón unha da tuna ou un tango.


"Non xogues comigo, nena", Glass City

Pero Glass City presenta uns personaxes mediocres, que viven na aparencia. E dá a sensación de que a música que mellor os define son algúns xéneros da época, cun estilo algo rancio.
Eu non o vexo rancio. Cada un dos personaxes ten os seus gustos, como pasa fóra do teatro. Hai cousas que teñen aparencia de modernas e son moito máis rancias que outras que aparentan o contrario. Non son máis que xéneros, pode haber boleros, pasodobles ou temas da tuna marabillosos e pezas de jazz ou rock horrorosas. O xénero non fai a calidade.

Fóra do teatro, participa en proxectos como Doa, Trío Ouriol, ou ata hai pouco a Orquestra Omega. Hai espazo en Galiza para propostas arriscadas?
Espazo hai, o que non hai é cartos. O público sempre responde ben ás cousas cando están ben feitas, dá igual que sexan moi arriscadas. O único que non hai é estrutura, non hai unha cultura da cultura, un costume de organizar. Aquí hai “Luar” e pouco máis.

O difícil é que se dea esa confluencia entre público e propostas.
O outro día o Trío Ouriol demos un recital con textos sobre pintura de [Juan Eduardo] Cirlot, nun local que abriron no barrio dos Rosales da Coruña. Tivemos un público formado por señoras do barrio. Foi alucinante, ir con ese material de música improvisada e de repente conectar coas amas de casa dunha maneira bestial. Ver que se emocionan é unha marabilla. E está pasando. É falsa a idea de que o único que gusta é Bisbal. A xente ten unha capacidade inconsciente para percibir cousas diferentes ás que está acostumada.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: