En torno ao Día das letras aparecen iniciativas para incrementar o uso da lingua en ámbitos relacionados coa mocidade, o lecer e as novas tecnoloxías: un concurso de mensaxes de móbil e outro de correos electrónicos amorosos son os máis recentes.
Cada vez máis iniciativas normalizadoras chaman pola mocidade: monólogos, relatos, e agora tamén mensaxes de móbil e mesmo declaracións de amor: nestes días nos que o blogomillo ferve buscando as mellores cancións para o amor, o SNL do Consello da Xuventude de Galicia (CXG) bota a andar a primeira edición do concurso Lingua de amor, un concurso de declaracións de amor en galego a través do correo electrónico, de cara ao 17 de maio, Día das Letras e Día Internacional de Internet. Ademais de tirar pola mocidade, relaciónanse novas tecnoloxías e linguas, e conquístanse novos ámbitos de uso para o galego: internet, o correo electrónico ou os chats son espazos de comunicación cada vez máis empregados. Colaboran o Consello da Cultura Galega (CCG), a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as librerías Couceiro e Follas Novas e o grupo Activa Galicia.
Os premios aos mellores conquistadores ou conquistadoras cibernéticos son os seguintes: unha Videocámara Mini DV Samsung VPD361 como primeiro, unha Cámara Sanyo PSDCN912 para quen acade o segundo posto, e un MP4 Blu:Sens 1027 en terceiro lugar. Cada premio acompañarase dun lote de libros en galego, e as 200 primeiras persoas que participen recibirán un agasallo cedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Despois de inspirármonos e escribir con todo o noso amor, cómpre deixar as nosas mensaxes xunto cun formulario que podemos descargar na web do CXG. A partir do 1 de maio poderanse ler no web www.linguadeamor.eu, que está en actual proceso de creación, e a entrega de premios será o día 25 de maio, ás 18:00 h, no CCG. E, se non hai premio, sempre se pode probar a enviar o correo á persoa amada e ver que pasa...
Microtextos
E máis rápidas aínda son as mensaxes de móbil: o Concello do Porriño convoca por terceira vez o concurso de mensaxes de móbil en lingua galega. Hai tres premios: de 250, 150 e 100 €. O tema das mensaxes é totalmente libre. Deben ser enviadas ao número 679 039 567, estarán escritas en galego e contarán cun máximo de 160 caracteres, incluídos os espazos (que cadaquén empregue as abreviaturas que vexa convenientes). Iso si, non poderán empregarse acentos ortográficos. A data límite para enviar as mensaxes é o 11 de maio. Todas as mensaxes recibidas amosaranse na páxina web da Biblioteca Municipal. O ditame do xurado, así como a súa composición, farase público antes do 17 de maio.
Na pasada edición, das 90 mensaxes presentadas, gañou Maite Mosquera Noia, de Padrón, coa seguinte reflexión: “Q ironia prstituir a lngxe, desangrlas plbras e prcurar 1 cdgo q n custe + d 15 ctms s ste monte m impde chgar a ti. Vou ver s atopo 1 pomba c cbrtura”. O segundo premio foi para un curioso convite da porriñesa Elvira Fernández Pérez: “(Ti+eu)(ti+eu)x[2 cadeiras +1 mesa(2 tazas + 2 culleres)]-[1000 agobios(traballo +exames+os homes en xeral)] =café. Resultado da ecuacion = 7:30 p.m.”. E o terceiro, para o non menos curioso convite do pontevedrés Sergio Torres García: “Godalliño, ven comigo ao rocho a espanzurrarnos dunha arroutada”.